Tuesday 14 de May de 2024

Comeza o proceso selectivo para contratar a tres técnicos de turismo e a un programador de actividades culturais


Tal e como aparece publicado no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, o Concello de Riveira vén de sacar dúas convocatorias para impulsar sendos procesos selectivos para a contratación laboral, por unha parte, de tres técnicos de turismo e, por outra, dun traballador en substitución ao que ocupa o posto de programador de actividades culturais debido á ausencia de este con dereito a reserva do seu posto de traballo.

Tocante ao primeiro dos procesos promovidos, os interesados dispoñen de 10 días hábiles para formalizar as súas solicitudes e poder concorrer. A intención é contratar temporalmente por oposición a tres técnicos para a atención nas oficinas municipais de información turística nos meses de verán de 2017.

A contratación formalizarase baixo a modalidade de contrato de duración determinada, por obra ou servizo determinado, a xornada completa (40 horas semanais) que se prestará nun horario que se distribuirá segundo as necesidades e organización do servizo, en quendas de mañá ou tarde, todos os días da semana cos descansos que regulamentariamente correspondan. Abarcará dende o 15 de xuño e o 14 de setembro do 2017, ámbolos dous inclusive, se ben en función das necesidades do servizo, e de existir consignación orzamentaria suficiente, poderase ampliar a duración dalgún dos contratos ou de todos os contratos (no caso de ampliar soamente algún dos contratos, ampliaranse seguindo a orde de puntuación final).

As funcións propias do posto de traballo obxecto desta convocatoria son: atención ao público, atención telefónica, dar resposta a información demandada a través de correo ordinario, fax e correo electrónico, preparación de material promocional turístico para distintas feiras e eventos, colaborar no deseño e na elaboración de rutas comarcais, realización de visitas guiadas, arquivar documentos e informes, cubrir formularios e elaborar informes estatísticos.

Programador cultural
En canto ao traballador en substitución do programador de actividades culturais, tamén hai 10 días hábiles para presentar solicitudes. O contrato formalizarase baixo a modalidade de contrato de duración determinada de interinidade por substitución, a xornada completa de luns a venres. O sistema selectivo tamén será por oposición.

As funcións propias da praza obxecto desta convocatoria son: asumir a supervisión e coordinación técnica das funcións e do persoal propios da unidade; responsabilizarse do deseño e posta en marcha dos programas e actividades deseñados pola unidade e orientados á dinamización e fomento da actividade cultural municipal; incentivar a participación cidadán na actividade e a creación cultural; dinamizar e apoiar as actividades de diferentes asociacións, entidades e, en xeral, de todo o entramado de organizacións culturais municipais; tutelar e supervisar tecnicamente as actividades culturais desenvolvidas pola unidade, no marco da súa capacitación profesional, e en contacto directo cos usuarios das mesmas; prestar colaboración e asistencia técnica, por necesidade ou requirimento, naqueles asuntos propios do departamento e que entren dentro da súa capacitación profesional; calquera outra, propia da súa capacitación profesional, e vinculada co eido competencial no que se integra.

A duración do contrato de interinidade por substitución é a do tempo que dure a ausencia do traballador con dereito á reserva do seu posto. E o contrato extinguirase pola efectiva reincorporación do traballador ou pola extinción definitiva do seu contrato por mantemento da incapacidade permanente total.